19/07/14

Xavier Vence, desde a cordialidade do corazón

En tempos revoltos, politicamente tan confusos e de tanto caos mental, agradécese a claridade dun libro como o que agora nos ofrece Engaiolarte Edicións da man de Xan Carballa: Temos dereito a un futuro distinto. Xavier Vence. Conversas. Para os lectores e as lectoras que amamos os libros de conversas desde aquela primeira edición d´Unha ducia de galegos, este magnífico traballo do xornalista Xan Carballa non nos ha defraudar. En todo caso eu lamento que en vez de vinte e cinco horas de conversas non fosen cincuenta, porque a propia personalidade de Xavier Vence dá para iso e para máis. En realidade é unha primeira e moi necesaria aproximación á súa biografía e ao seu pensamento político e económico, mais nós agardamos que pronto haxa unha nova edición na que moitos dos temas que aquí se abordan, non sen un certo esforzo de síntese, poidan ser debullados cunha maior profundidade no futuro. Despois de ler o libro, as súas pouco máis de duascentas páxinas, temos a sensación de que Xavier Vence deixou moito por dicir nestas conversas, sobre todo coñecendo a súa obra ensaística e moitos dos seus discursos. Supoñemos que para Xan Carballa sería un pracer poder contar con máis ocos na axenda de Vence, cando menos do mesmo tempo co que el e Santiago Prol dispuxeron no seu día para conversar tranquilamente con Francisco Carballo.

Xavier Vence é unha persoa que se caracterizou sempre por ter interlocución con todos os sectores do nacionalismo galego, un home que busca a empatía cos demais e que lle dá moita importancia aos sentimentos na política, que posúe unha grande capacidade de diálogo e que ten vocación de integración, un dirixente nacionalista, ademais, plenamente convencido de que hai que reconstruír moitas pontes, un nacionalista de esquerdas que incluso lamenta non ter cultivado a relación con Valentín Paz-Andrade ou non ter tratado antes a Isaac Díaz Pardo, a Francisco Fernández del Riego ou a Xaime Illa Couto. É tamén Vence unha persoa que se esforza por comprender desde a súa óptica ideolóxica, e moitas veces desde unha discrepancia moi profunda, as diversas posicións que o nacionalismo galego e os seus dirixentes adoptaron nas sucesivas etapas históricas, sen caer nunca na descualificación persoal, na crítica feroz ou no desprezo político ou intelectual. Sabe discrepar con elegancia, procurando ser moi ponderado en calquera xuízo, recoñecendo, se é preciso, a boa intención da estratexia política máis errada. En definitiva, tece o seu discurso desde o respecto e desde a cordialidade do corazón. E iso vese con clareza neste libro de conversas cando fala, por exemplo, da figura de Valentín Paz-Andrade, do nacionalismo na encrucillada da transición, da etapa do bipartito na Xunta de Galiza ou do relevo xeracional no BNG. Nada que ver co ton e co fondo doutras explicacións que circulan por aí, máis propias dun axuste de contas que da grandeza humana que calquera nacionalista debe ter cada vez que fai referencia a outra persoa comprometida igualmente co país, aínda que o seu compromiso sexa desde unha visión ideolóxica diferente e mesmo con comportamentos humanos e políticos criticábeis. Lamentabelmente, pouco aprendemos neste sentido daqueles outros nosos mestres do vello Partido Galeguista. Todo o que poidamos facer hoxe por recuperarmos para o nacionalismo galego o concepto de irmandade de don Ramón Otero Pedrayo, de Antón Vilar Ponte, de Bóveda ou de Castelao será moi positivo para o futuro do país. E Xavier Vence sábeo ben.

A pesar de que a Vence resúltalle difícil ser breve nas súas intervencións públicas, nas respostas que vai dando ás diversas cuestións que lle formula Xan Carballa ao longo destas conversas, é patente o esforzo que fai Xavier Vence por sintetizar o seu pensamento, as súas ideas, a súa análise, evitando a lección maxistral que tantas veces podería dar como resposta a moitas preguntas. Nas súas palabras hai, así mesmo, unha claridade discursiva e unha vontade pedagóxica que non sempre está presente no verbo dos economistas e dos profesores universitarios. Xavier Vence procura por riba de todo a comunicación. Hai un momento da conversa no que di: “Temos que expresarnos coas nosas ideas pero coas palabras da xente”. E ilústrao cun lema da época do BN-PG: Gobernemos nós a nosa terra. “Detrás dese lema -afirma Vence- estaba toda a complexidade da autodeterminación e a loita pola soberanía, pero con palabras comprensíbeis de inmediato”. Creo que é moi importante esta observación que fai Xavier Vence, porque posibelmente no nacionalismo galego pecamos moito desde sempre de utilizar un vocabulario doutrinal e uns conceptos políticos que resultan de difícil comprensión para a maioría da xente e mesmo actúan de valado entre o nós e a nosa sociedade. Para unha organización que precisa crear constantemente conciencia de país para gañar apoio social e electoral -e iso non lle acontece a outras forzas políticas- non é unha cuestión menor a comunicación. E diso tamén é moi consciente Xavier Vence.

Xan Carballa soubo levar as conversas a aquelas cuestións que máis lle poden interesar e preocupar a calquera galego ou galega con conciencia de país. Este brillante xornalista, editor e fotógrafo vigués ábrelle a porta a Xavier Vence para que fale do piñeirismo e da reorganización do nacionalismo galego -un período que Vence non vivíu persoalmente, mais que coñece moi ben-, do proceso da Transición, da posición que nesa circunstancia histórica mantivo cada unha das ponlas do nacionalismo existente a esas alturas, de tácticas e estratexias, do ideoloxismo, da importancia da flexibilidade e da habelencia política, do nacionalismo galego despois de Amio… E, naturalmente, aborda cuestións como o desmantelamento das caixas, a banca pública, a capacidade de decisión e a soberanía, as posibilidades de futuro dos países pequenos, a globalización, o modelo agrario, o papel da muller na sociedade, a política fiscal, a corrupción, o proceso de recentralización política, a Unión Europea, a perda de poboación, a situación da lingua galega, a vida organizativa e o papel dos dirixentes… A verdade é que nalgunhas explicacións Xavier Vence podería ser máis extenso, pero dificilmente podería ser máis claro e máis pedagóxico. Este é un libro para construír e reconstruír, para favorecer o entendemento, para impulsar outra cultura política. Unha nova linguaxe para un tempo novo.


Deixo para o final deste artigo o primeiro capítulo do libro, que é tamén o máis íntimo, o máis persoal, o máis autobiográfico, e talvez o que mellor nos dá a verdadeira dimensión humana deste catedrático de Economía Aplicada, formado academicamente á sombra do maxisterio de Beiras e de López Suevos, mais tamén á sombra doutros persoeiros como Christian Palloix e Robert Boyer. Igual que na biografía de José Saramago foi fundamental a súa infancia na Azinhaga e aquel seu avó Jerónimo, analfabeto e sabio, que, ao presentir que a morte o viña buscar, foi despedirse das súas árbores, unha por unha, abrazándose a elas e chorando porque sabía que non as volvería a ver, na traxectoria vital de Xavier Vence será decisiva a súa nenez nunha aldea de Rodeiro, sen libros e sen televisión, aprendendo dos adultos e da natureza, axudando nos labores do campo ou descubrindo historias como aquela que lle contaba un vello do lugar de como mataron o Piloto. Aquel neno que tivo a súa primeira foto aos sete anos, e que non viu o mar ou unha cidade até os once, é hoxe unha das cabezas mellor amobladas do nacionalismo galego, un home que fala varias linguas, o francés e inglés entre elas, e que non renuncia a dialogar co seu propio pobo sobre a necesidade de defender un futuro distinto para Galiza. A lucidez ao servizo do país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario