22/07/13

Miguel Anxo Fernán Vello, do desexo en corpo e sombra á perduración do olvido

Temos entre as mans o último libro de poemas de Miguel Anxo Fernán Vello: Habitación do asombro (Espiral Maior, 2013). Desde o seu primeiro poemario, desde aquela nosa inicial lectura dos versos de paixón branquísima que fixemos en Ortigueira cando só tiñamos vinte e catro anos, aínda cos soños todos vivos da adolescencia, desde aqueles xa lonxanos días, digo, non deixamos de seguir libro a libro, poema tras poema, a brillantísima obra lírica do poeta de Cospeito, e sempre no seu verso, sempre, experimentamos o gozo profundo da poesía. E aí continuamos, como a primeira vez, habitados pola emoción da súa palabra, feridos pola luz e pola beleza do seu verbo. Nunca un seu libro nos defraudou e poucas veces un autor nos pareceu tan admirábel no conxunto do seu corpus creativo. En Miguel Anxo Fernán Vello non sobra un só poema, nin sequera un só verso. Mesmo o título de cada poemario é un brevísimo poema: Do desexo en corpo e sombraSeivas de amor e tránsito,Memorial de brancuraLibro das paisaxes vivasEntre água e fogoPoemas da lenta nudez,As certezas do climaCapital do corpoTerritorio da desesperaciónDicionario do estremecementoHabitación do asombro. Todo en Miguel Anxo é fermosura, incluso cando canta a dor, a desolación e a ruína. Tamén cando reproba con indignación os violadores e os profanadores da inocencia, / os que fabrican a arañeira da fame e cavan o pozo da miseria, / os que invaden a patria do ouro e queiman os seus soños.                           

Entre os poetas da xeración dos 80, Fernán Vello caracterízase pola súa expresión contemplativa, sensitiva e harmoniosa, pola perfección, a pureza e a transparencia da súa voz, a través da que busca golpear no espírito do lector. Ao longo da súa fecunda e brillante traxectoria como poeta, Miguel Anxo Fernán Vello pasou da poesía do desexo erótico á poesía da paisaxe e desta á poética civil, mais nunca deixou de escribir sen paixón, sen abandonar ese seu acento reflexivo e sen deixar de buscar a máxima beleza do texto. Collamos calquera das súas obras, abramos o libro pola páxina que se cadre, entremos no poema e comprobaremos que a súa voz está atravesada pola experiencia da vida e que é unha palabra na que brilla sempre un ritmo musical e unha exquisita delicadeza no dicir: E aquí estamos os teus termando forte contra o vento fatal, / no corazón da casa, no centro da esperanza, / na palabra que eleva a lucidez do ser.                          

O último ciclo poético de Fernán Vello iniciouse hai xa bastantes anos con Poemas da lenta nudez (1994) e As certezas do clima (1996), medrou en compromiso social e denuncia nos versos de Territorio da desesperación (2004) e impáctanos de cheo agora no corazón co seu novo libro, Habitación do asombro, Premio de Poesía Cidade de Ourense en 2012. No seu discurso fíxose cada vez máis visíbel a soidade, a tristeza íntima e a desolación, a devastación e a morte, o sufrimento e a dor colectiva, a ira do poeta contra tanta deshumanización, inxustiza social e destrución, unha escrita, en fin, de fonda emotividade dramática: Permítenos, porfiada dor, o alivio, / a calma dun instante, / o bálsamo do verbo que respira…                          

Fernán Vello é un poeta que vive no máis íntimo do seu corazón o drama social deste noso tempo e que observa coa súa ollada lúcida a desfeita que o capitalismo depredador vai deixando ao seu paso, e por iso non é estraño que acabe escribindo versos con ollos penetrados de asombro. Unha profunda dor invade ao poeta cando contempla como chove sobre as casas, sobre os tellados que xa non existen. Dor e soidade, unha soidade que tamén lle transmite agora esa praza baleira na que xa nada acontece, como se a vida aquí detivese o seu paso, porque ninguén acude, non hai ser que respire (…) Porque ninguén está, ninguén virá a esta praza. Con eses mesmos ollos habitados de asombro e indignación enfróntase igualmente o poeta a esa paisaxe morta na que os deuses do negocio converteron a natureza, e non pode evitar unha nova serpe de soidade no corpo. A tensión poética e emocional medra segundo avanzamos na lectura do libro, que remata con dous poemas soberbios. O derradeiro di así: Os días que veñen serán duros e traerannos outra cor de néboa (…) Serán días que pesarán en nós aínda máis que o tempo de hoxe (…) Mais talvez eses días escuros, eses días estraños e tan próximos / xa chegaron, e están aquí entre nós / mordendo / o noso ar.
 

Miguel Anxo Fernán Vello ocupa desde hai tempo un primeirísimo lugar na poesía galega contemporánea, e así o teñen recoñecido os máis prestixiosos críticos da nosa literatura. Da súa obra ocupáronse, entre outros, Carvalho Calero, González Garcés, Francisco Salinas, Teresa Seara, Luciano Rodríguez, Xavier Baixeras, Manuel Forcadela, X. M. Álvarez Cáccamo, Xavier Seoane… Algúns deses traballos sobre a súa poesía podémolos ler no libro-homenaxePreludios para Miguel Anxo Fernán Vello (Laiovento, 2011). “Fernám Velho é um dos mais puros poetas líricos que tenham nunca modulado o seu canto no ibero-románico ocidental”, dixo don Ricardo. Outra mostra da altísima consideración que a súa obra merece dentro e fóra de Galiza son os diversos premios que recibiu ao longo destes anos e a tradución da súa poesía a máis de dez linguas. A súa obra poética figura, así mesmo, en importantes antoloxías e ten a súa propia escolma, Astro interior, un dos máis profundos gozos que puidemos ter as lectoras e os lectores de Fernán Vello.                          

Miguel Anxo Fernán Vello poeta. Miguel Anxo Fernán Vello autor teatral, con pezas igualmente moi brillantes. Na memoria de nós Cuarteto para unha noite de verao e A casa dos afogados. Miguel Anxo Fernán Vello coautor, con Francisco Pillado, de libros de conversas con Carvalho Calero e Xosé Manuel Beiras. Mais hai outro Fernán Vello ao que moito é o que lle debe tamén a cultura galega: o Fernán Vello editor. Espiral Maior é, efectivamente, a máis importante empresa de poesía que houbo no noso país en toda a historia do libro galego, e non ignoramos a importancia que para a nosa lírica tiveron outras moitas coleccións poéticas, desde as coleccións Benito Soto, Brais Pinto, Salnés ou Val de Lemos ás coleccións Leliadoura, Esquío, Dombate, Ablativo Absoluto, Libros da Frouma ou Letras de Cal. Os 253 títulos que neste momento conforman a colección de Espiral Maior -sen contar os libros de A Illa Verde, Alba Longa e Opera Omnia- constitúen un monumento literario sen precedentes no panorama editorial do noso país. Fernán Vello podería ser un deses poetas que dedican toda a súa vida a facer a súa obra, pero optou por ser un poeta preocupado porque outras e outros poetas, consagrados, esquecidos e noveis, puideran publicar os seus textos, e iso só é posíbel cando se ten xenerosidade e visión de país, cando se pensa máis na literatura do conxunto dos creadores que na propia obra dun. E iso é unha débeda que nunca lle poderemos pagar a Miguel Anxo, mais que si lle deberiamos agradecer facendo posíbel que Espiral Maior siga adiante con douscentos subscritores apoiando esta nave cargada de poesía, e non só por agradecemento ao editor, senón porque a nosa literatura e o noso país o precisan. Unha literatura viva é aquela que bebe dos seus clásicos e se nutre constantemente de novas obras e novos autores. Precisamos urxentemente que algún día deixe de ser certo o poema de Alfonso Pexegueiro: Para que queredes un poeta vivo / se non sabedes que facer con el; / matádeo e celebrádelle as pompas. Un país que non sabe que facer cun poeta e un editor como Miguel Anxo Fernán Vello é un pobo que condena a súa cultura a vivir nun sarcófago e que unicamente aspira a que os días que han de vir só sexan de misas e de efemérides.                          

Algo que tamén lle debemos agradecer a Fernán Vello de forma moi especial é a súa preocupación, o seu entusiasmo, o seu esforzo sen límites de xenerosidade, por publicar en edicións moi coidadas a obra enteira das grandes voces da poesía galega contemporánea. Comezou coa Obra Poética Completa de Manuel María e continuou coa Obra Poética Completa de Antón Avilés de Taramancos. Cómpre dicir aquí, ademais, que Miguel Anxo Fernán Vello foi o primeiro e o único editor que tivo propiamente Manuel María, un editor permanentemente coas portas abertas da súa casa á obra do mestre de Outeiro de Rei. A Primavera de Venus foi o primeiro título que Espiral Maior lle publicou a Manuel María, nunha edición certamente primorosa. Despois veu a Antoloxía poética, os Poemas para dicirlle a dúas lagoasO Miño canle de luz e néboa, os Sonetos á Casa de Hortas e a impagábel Obra Poética Completa. Espiral Maior foi a editorial que lle faltou a Manuel María para publicar coa calidade e a sensibilidade que merecían poemarios como Poemas ao OutonoCecais hai unha luz ou Poemas da labarada estremecida. De ter neses anos Manuel María un editor como Miguel Anxo Fernán Vello, os títulos que acabamos de citar estamos seguros que ocuparían un outro lugar na renovación poética dos setenta. Como vellos lectores que somos da poesía de Manuel María, e que tanto temos sufrido coa edición de pésima calidade dalgúns dos seus mellores libros, así o queremos expresar aquí. Para nós unha edición coidada é sempre un inmenso gozo, un gozo tan extraordinario como o que agora temos ao coller entre as mans a última obra de Fernán Vello, un libro que nos ilumina por dentro e por fóra, que o gozamos coa vista, co tacto e coa lectura. Hai libros que un podería abrir todos os días polo pracer que nos producen, e Habitación do asombro é un deses libros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario